jueves, 10 de mayo de 2012

A Ermida de San Guillerme


A ermida de San Guillerme é, dentro do entorno do Cabo Fisterra, un dos xacementos de maior importancia e interés, tanto pola súa significación mitolóxica, como polo lugar no que se encrava. Situada no alto do monte do mesmo nome (aínda que cabe indicar que o monte tamén é popularmente coñecido como Monte do Cabo ou Monte das tetas, o primeiro vocábulo vén dado pola súa situación xeográfica, no Cabo Fisterra; o segundo termo dase máis ben pola propia forma que posúe o monte, xa que ten aspecto de dous seos femininos ao velo dende o lonxe) e formando parte do Promontorium Nerium, ubícase sobre os restos do Castro Nerio (A estrutura da poboación pode adiviñarse sobre o terreo se observamos os restos da fortificación e a orografía do lugar), onde algúns ubican o mítico Ara Solis.
                                                              (Monte de San Guillerme ao fondo con forma de seos femininos)

viernes, 20 de abril de 2012

A Semana Santa de Fisterra

Sigo este blogue falando dunhas festas que acaban de deixarnos hai apenas 10 días, non falo doutra festa que da Semana Santa Fisterrá.
A Semana Santa é o punto culminante do almanaque cultural da Vila do Cristo, e festividade recoñecida coma de Interese Turístico Nacional dende os oitenta. Trátase dun complexo artístico-escenográfico no que os fisterráns mesturan as tradicionais procesións e oficios relixiosos (adobiados con imaxes e pasos de grande interese histórico e artístico), con todo un ciclo de autos teatrais de diversas épocas e que se foron engadindo ao longo dos séculos a partires dun xermolo orixinal: a representación, o Domingo de Pascua, da Resurrección no campo da Igrexa parroquial. Con algúns textos, danzas e tradicións que se conservan dende a noite dos tempos, a Semana Santa de Fisterra "non se pode contar, hai que vivila". Os protagonistas desta Semana Santa son a  Virxe das Areas e, por suposto, o Santo Cristo de Fisterra, que é o protagonista indiscutible do día máis importante para o almanaque fisterrán: o Domingo de Resurrección, reconvertido en Fisterra na tradicional e insustituible Romería do Cristo. 

martes, 17 de abril de 2012

Cultura e tradicións: O Entroido de Fisterra

Comezo a escribir este blogue cunha das tradicións e festas máis importantes dende o meu punto de vista, e non é outra que o Entroido, a pesar de non ser nin de lonxe unha das festas máis antigas.


Na Vila do Cristo, é un dos actos culturais e festivos máis importantes do ano, só superado pola Semana Santa, o cal resulta ben curioso. É posible que, así como o xenio fisterrán foi calibrando a súa tradición pagá e o seu sentimento cristián, soubera tamén poñer á mesma altura a máis importante celebración católica e o Entroido, que constitúe a exaltación máis clara do sentimento pagán de Occidente. Falar desta festa é falar do sentido cómico e festeiro dos fisterráns, da dicotomía que as diferentes xeracións foron desenvolvendo no seo da personalidade dos meus veciños: o tráxico sentimento de illamento, o destino claroscuro dos que habitan na antesala do Máis alá, a dependencia dun mar asasino; fronte á festividade, a ironía, o vitalismo: a morte e a vida non se enfrontan en Fisterra, danse a man para acadar o sentido pleno da existencia humana. Teño escoitado por aí que sen o Entroido, Fisterra non sería Fisterra. E canta razón tiña quen dixo iso, abofé!
A todo iso hai que sumar que, inda que a Vila do Cristo non ten festivais de teatro, nin moitas mostras do que podemos chamar “cultura de élite”, ten unha tradición dramática que xa lles gustaría a moitas vilas con festivais de teatro. Así, non esquezamos a representación da Resurrección o Domingo de Pascua, ou o antigo auto sobre a Transfiguración de Cristo que se representaba no Facho. É fácil imaxinar a sensibilidade dos fisterráns para o teatro, cando ao longo da Historia foron capaces de desenvolver cadansúa representación de dous feitos tan abstractos e espirituais coma son a Resurrección e a Transfiguración.
Por todo iso, ten lóxica que ao noso se lle chame “O Entroido máis tradicional da Costa da Morte”, non só pola súa Historia (que neste caso é bastante breve), senón porque é a cristalización máis directa e evidente da idiosincrasia fisterrá.