martes, 17 de abril de 2012

Cultura e tradicións: O Entroido de Fisterra

Comezo a escribir este blogue cunha das tradicións e festas máis importantes dende o meu punto de vista, e non é outra que o Entroido, a pesar de non ser nin de lonxe unha das festas máis antigas.


Na Vila do Cristo, é un dos actos culturais e festivos máis importantes do ano, só superado pola Semana Santa, o cal resulta ben curioso. É posible que, así como o xenio fisterrán foi calibrando a súa tradición pagá e o seu sentimento cristián, soubera tamén poñer á mesma altura a máis importante celebración católica e o Entroido, que constitúe a exaltación máis clara do sentimento pagán de Occidente. Falar desta festa é falar do sentido cómico e festeiro dos fisterráns, da dicotomía que as diferentes xeracións foron desenvolvendo no seo da personalidade dos meus veciños: o tráxico sentimento de illamento, o destino claroscuro dos que habitan na antesala do Máis alá, a dependencia dun mar asasino; fronte á festividade, a ironía, o vitalismo: a morte e a vida non se enfrontan en Fisterra, danse a man para acadar o sentido pleno da existencia humana. Teño escoitado por aí que sen o Entroido, Fisterra non sería Fisterra. E canta razón tiña quen dixo iso, abofé!
A todo iso hai que sumar que, inda que a Vila do Cristo non ten festivais de teatro, nin moitas mostras do que podemos chamar “cultura de élite”, ten unha tradición dramática que xa lles gustaría a moitas vilas con festivais de teatro. Así, non esquezamos a representación da Resurrección o Domingo de Pascua, ou o antigo auto sobre a Transfiguración de Cristo que se representaba no Facho. É fácil imaxinar a sensibilidade dos fisterráns para o teatro, cando ao longo da Historia foron capaces de desenvolver cadansúa representación de dous feitos tan abstractos e espirituais coma son a Resurrección e a Transfiguración.
Por todo iso, ten lóxica que ao noso se lle chame “O Entroido máis tradicional da Costa da Morte”, non só pola súa Historia (que neste caso é bastante breve), senón porque é a cristalización máis directa e evidente da idiosincrasia fisterrá.


Valor e sinificado
Creo que o valor que os fisterráns lle conceden ao seu Entroido vai máis alá do sinificado cupeniario. Creo que, alén do sentido simbólico do que xa falei, Fisterra outórgalle un valor catárquico ao seu “Carnaval”. Despois das loitas políticas, enfrontamentos electorais, odios entre familias, desgracias e desencontros varios, o Entroido serve para expulsar a tensión acumulada ao longo do ano, para que –durante dúas ou tres horas- os cinco mil habitantes desta vila tan rabuda estean unidos fronte ao mal común: os políticos e personalidades varias.
Todo se perdoa e se esquece no concurso de comparsas. Ao día seguinte é coma se todo o que se dixo non tivera validez real, coma se só fora un soño: todos os fisterráns falarán das salvaxadas que se proferiron contra o alcalde e a oposición coma se a zona acotada da Praza fora zona franca, coa certeza de que ninguén tomará represalias, ao contrario do que pasaría se alguén se adicase a criticar aos políticos nunha taberna.
Esta conceción engádelle ao Entroido de Fisterra todo o seu interese: durante a media hora que lle corresponde a cada comparsa, os fisterráns aproveitarán para expulsar o demo que acumularon ao longo do ano, tanto os participantes coma o público, que ri as bromas coma se alí mesmo rematase a vida. É moi fermoso ver a familias que se odian, xente que non se fala, e inimigos políticos de toda a vida rindo ao unísono ante alguén que lle chama “fillo de puta” ao alcalde. A iso me refiro cando falo do sentido catárquico do Entroido. Os gregos da Antigüidade esperaban que o seu teatro provocara a “catarse” no público: o drama víase coma un feito liberador, un elemento máis que permitía o perfecionamento da alma. Semella que os fisterráns entenden así o seu teatro, por riba de cultura de élite e por riba de festivais de teatro “culto”.

Historia
A verba “Entroido” vén de “introito”; que se refire á entrada no período da Cuaresma. En todo Ocidente se valorou moito esta festa, pois supoñía unha última liberación antes dos corenta días de xanxún que lles agardaban. De aí a outra verba que tamén coñecemos: “Carnaval”, que deriva concretamente de “carne levare”, é dicir, retirar a carne.
É unha celebración por natureza antirrelixiosa, pois trátase de entregarse aos praceres carnais e festivos, para indignación de curas e relixiosos varios. A pesares disto, na Idade Media existían diversas festas nas que a relixión e o dogma eran impunemente vilipendiados, como aquela na que se poñía un burro no altar dunha igrexa e se lle rendía honores coma se fora un bispo. Foi nesta época na que o Entroido colleu máis forza, pois eran séculos de escuridade e calquera festa deste tipo tiña boa acollida porque supuña unha liberación temporal da dura vida daqueles tempos. Unha mostra moi clara do arraigada que estaba a celebración é o capítulo que Juan Ruíz, Arcipreste de Hita, adicou á “Batalla de Don Carnal y Doña Cuaresma”, no seo do seu Libro do "Buen Amor", alá polo século XIV.
De todos os xeitos, o costume de disfrazarse parece provir dos romanos. Nas Saturnais, os roles sociais daban a volta e eran os amos os que servían aos seus escravos, para burla e mofa de todo o mundo. Aos romanos debía parecerlles gracioso, case folclórico, servir ás persoas que durante o resto do ano eran os seus escravos. Por iso esta tradición sobreviviu até os nosos días.
Particularmente en Fisterra, o Entroido serve para darlle a volta ao mundo: se durante todo o ano os políticos dominan, fan e desfán para sorte ou desgracia do pobo, o Martes de Carnaval son os que mandan os que se sentan e aguantan todo o que a vila lles teña que dicir, para ben e, sobre todo, para mal.
Non temos datos sobre como se desenvolveu esta celebración antes do século XX. É lóxico, pois os sacerdotes e autoridades, ainda que na maior parte dos casos permitían e incluso participaban destas costumes populares, tiñan a obriga de intentar acalalas no eido político e, digamos, “oficial”. De todas formas, o máis probable é que en Fisterra o Entroido se desenvolvera coma en calquera outra vila pequena de Europa Ocidental.
Cando falo da Historia do “Carnaval” de Fisterra –coma popularmente se coñece na vila, a pesares de ser un castelanismo- falo na meirande parte dos casos de memoria, pois o concurso de comparsas é algo bastante recente, e moitos lembran todos os anos que se celebrou. Por iso, se estou errado nalgún dos datos que achego, avisádeme cun comentario neste espazo para rectificar, pois xa sabedes que a memoria ás veces xoga malas pasadas.

A min, persoalmente, gústame establecer unha división en tres etapas do Entroido, que detallo a continuación:


1.      Carnaval pre-oficial
A primeira referencia que temos desta celebración é de principios do século XX. Desiderio Paz Figueroa, médico da vila entre 1906 e 1962, era músico e serviuse da xuventude, necesitada de ocio e diversión, para fomentar a música e o teatro. Disque formou varias bandas musicais que dirixía cun xornal enrolado que facía as veces de improvisada batuta. A súa aportación ao Entroido foi a creación da primeira comparsa da que temos noticia: “Los astrónomos” en 1912. A partires de 1917 cambiou o nome do grupo por “Los Diablos”, e acadou bastante recoñecemento na bisbarra. De aí provén a proverbial fama do noso Entroido.
O doutor Paz Figueroa compoñía as letras, de corte costumista, pois meterse en política nos tempos da Restauración non debía ser fácil, e disque ensaiaban nas naves dunha fábrica de salazón. Así nolo conta Juan G. Satti Bouzas, ainda que non especifica nin a que fábrica se refire nin as fontes de onde sacou a información. Como non había concursos oficiais, coma os de hoxe en día, supoño que as actividades que organizaba serían máis ben de corte popular, con desfiles e reunións variadas. Despois da Guerra Civil, estendéronse costumes –hoxe perdidas- coma a de tirarse fariña e xiz, e outros actos populares que ainda hoxe se conservan noutras zonas de Galicia. As autoridades franquistas, amparadas pola Igrexa, a pesares de non ver con bos ollos estas celebracións, non puideron impedir a supervivencia destas festas.
Parece ser que no Día da Raza, festividade creada polo réxime para o que hoxe coñecemos coma Día da Hispanidade -12 de outubro- os mozos disfrazábanse de indíxenas americanos, conquistadores e outros personaxes do imaxinario imperialista do Estado español do momento. Supoño que con isto as autoridades pretendían desprazar as ansias carnavalescas da xente cara algo "útil" para o Réxime, ainda que con iso só conseguiron que a tradición de disfrazarse sobrevivira ata a democracia.
Xa nos anos 60 e 70, os guateques e bailes de Entroido foron moi populares, pois supoñían un xeito pacífico e menos público de disfrazarse e celebrar o “Carnaval”.


2.      Entroido moderno
Se antes dicía que no Entroido os fisterráns “liberan o demo” que acumularon ao longo de todo o ano, é fácil imaxinar a tensión gardada durante corenta anos de ditadura. Por iso, a partires dos oitenta o Carnaval de Fisterra eclosionou coa forza que acumulara durante tantas décadas de escuridade. É a partires destes anos cando a festa se fai oficial e pasa ao calendario de actividades lúdicas e festivas da vila coma unha máis. O Concello comezou a sufragar o Entroido e, coa axuda das asociacións culturais, o Fogar do Xubilado, e todos os fisterráns en xeral, a celebración cobrou toda a importancia que hoxe ten.
A vila estaba a vivir un periodo de liberdade plena por primeira vez na súa Historia. Con moitos problemas fundouse a seción local do Bloque Nacionalista Galego, o que supuxo un gran choque nunha vila costumada ao conservadurismo máis rancio. Todo isto refletiuse no Carnaval. Así, no ano 1989 organizouse o primeiro concurso de comparsas, pioneiro na Costa da Morte. Ao principio tiveron forza comparsas coma a do Fogar do Pensionista (Casa do Mar) que, para amosar a fama que acadou, publicaba un folleto coas letras das súas coplas. Nesa época xurdíu o concepto carnavalesco de “parodia”. Ás tradicionais cancións e desfiles –que comparten todos os Entroidos da zona e de Galicia- sumouse a representación teatral cómica, que é o que diferenza o noso Carnaval dos do resto da bisbarra. O truco estaba en asignar un persoeiro a cada personaxe importante da comparsa. Por poñer un exemplo, hai uns anos un grupo participou disfrazado dos personaxes da película Peter Pan. Así, o Capitán Garfio era o alcalde, o contramestre Loncho, etc.
Nembargantes, foi nos noventa cando xurdiron as comparsas de maior arraigo e potencial. Por poñer un exemplo, a principios da década tivo moita fama a comparsa do JB, local abicado na Frontera, onde ata fai ben pouco estaba o Pub Comic.
 Ao principio adoptouse o método de votación consistente en colocar coma membro do xurado a un de cada comparsa. Isto provocou varios conflitos que se resolveron co sistema de votación moderno, cun xurado composto por membros da prensa da comarca, pero non de Fisterra.


O Casino e JB
Durante un período relativamente longo dos noventa gobernou a vila a esquerda en coalición. Foi neses anos nos que o Carnaval tivo maior tamaño e importancia, pois a política tiña moito máis interese que nas actuais maiorías asolutas do Partido Popular. Especialmente relevantes eran as actuacións da comparsa O Casino, dirixida por Roberto Traba Velay, coñecido poeta, taberneiro e home da cultura en xeral. Recórdanse os anos nos que foran de piratas, exipcios, romanos ou conquistadores de América. Soían traer atrezzo de gran calidade: galeóns, pirámides de cartón-pedra… ademais inauguraron unha tendencia que ainda se mantén: a de crear varios modelos de disfraces para as distintas idades, alén dos xefes da comparsa que soían levar un atuendo especial para diferencialos. As súas parodias foron recordadas durante moitos anos. Ademais, tiña sempre un grupo numerosísimo, con moitísima xente nova.
Todo o mundo sabía que O Casino sempre gañaba. Só a comparsa JB lle facía sombra a principios dos noventa. A JB foi famosa por anos coma o primeiro que gañaron, de xogadores de rugby e animadoras ao máis puro estilo yanqui. Outro ano foran de Robin Hood. Quizais non alcanzaban a calidade dos disfraces do Casino, e case nunca tiñan tanta xente coma a comparsa de Roberto ("Si o JB leva sen, o Casino leva tresentos", dicían), máis dise que o sábado e o martes de Entroido a xente que esperaba na Frontera para velos sair contábase por centos. Parece ser que aglutinaba á xuventude, que logo da súa desaparición pasou ás filas do Casino e, sobre todo, dos Rombos, que a partir de ahí comezou a coller forza. Algún ano chegaron a arrebatarlle os primeiros premios ao Casino, pero a comparsa de Roberto sempre saía airosa. Ademais, disque foi a primeira en inventar o concepto de parodia en verso, moi empregada polo noso carnavalesco taberneiro. A Roberto gústalle dicir que segue no Carnaval en honor ao seu pai, o Capitán Traba, o primeiro poeta fisterrán, desprezado sistemáticamente pola memoria desta vila.

A Anchoa
Nembargantes, non tardaron en xurdir competidores. Así, a xuventude do rural –tradicionalmente oposta á xente da capital, ou “pescos”- atopou unha vía de “vinganza” cando a Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Anchoa fundou a súa comparsa. Nun principio recoñecíanse por ir sempre disfrazados cun atuendo de camisa branca: “Todos os anos poñen as mesmas camisas. Só teñen que lavalas”, dicía a xente con malicia. A pesares de que tardaron moitos anos en gañar, as súas coplas xa pasaron ao imaxinario popular, sobre todo aquela de “Cuiña Crespo, Cuiña Crespo, tes uns collóns que non che caben no sesto”.
A Anchoa era famosa pola súa especial crueldade, ata o punto de que a moita xente non lle gustaba porque eran “moi mal falados” e caían no insulto sinxelo. Nos seus últimos anos comezou a dirixila Agustín Rivas, coñecido persoeiro da vila vinculado ao BNG, o que ademais de incrementar a páxina nacionalista do grupo, fixo que a comparsa tomara un novo rumbo. A partires dese intre, os disfraces foron máis elaborados e caraterizados por un marcado esotismo: brasileiros, indios amazónicos… eran disfraces moi coloridos e vistosos, o que fixo que durante varios anos gañaran o concurso. Eu recordo cando gañaran por primeira vez (creo que ían de cubanos). Os pobres non o podían crer: O Casino fora derrotado pola Anchoa, tradicional comparsa segundona. Tamén quedará no imaxinario popular o caraterístico silbato de Agustín, imposible de representar na escrita. Sen dúbida a da Anchoa é a historia dunha comparsa que soubo refacerse a sí mesma para lograr os premios. E saíulle ben a xogada.

Os Rombos
Os Rombos é outra das grandes dos noventa. Eran realmente épicos os enfrontamentos co Casino. A tensión que se xeraba no intre no que se anunciaba o gañador era de infarto. Tamén quedará para a Historia o seu berro de guerra: “Somos dos Rombos e vimos de Luckie Lucke”. Foi nese ano, no que participaron no Pavillón vestidos coma personaxes do cómic, cando otiveron a súa primeira vitoria. A partires de aí disputáronlles con furia os premios ao Casino. Especialmente recordado foi aquel ano no que se disfrazaran de viquingos e no que ao final da parodia consistía nunha loita a morte entre Caneta e outro rapaz, disputa que se soliviantou cando o coñecido perruqueiro pasou por debaixo das pernas do seu contrincante, deixando os cornos –literalmente- contra a entreperna do susodito.
Caneta era a cabeza visible da comparsa. Un rapaz novo cun enorme sentido da improvisación, un marcadísimo acento fisterrán e unha vis cómica de quitar o alento. As súas improvisacións cando fallaba o micrófono eran pouco menos que épicas.
Existiron outras comparsas como a da Boa Vida, cuxos traxes eran elaborados polo taller de Concha Silva, fisterrá coñecida por ser a presidenta da Cofradía do Santo Sepulcro e o Divino Nazareno. Os seus disfraces eran fabricados a base de tecidos de luxo. Recordo agora algún ano no que foran de árabes, ou de nobres do século XVIII.
A pesares da calidade dos traxes, que ainda hoxe se poden ver polas rúas da vila, non acadaban o nivel escenográfico e musical doutros grupos, polo que non destacaban especialmente pola súa parodia. De todos os xeitos, colleitaron moitos premios ata a súa desaparición no 2001. Polo demais, tiñan nas súas filas moitos rapaces de moi curta idade, o que facía moi vistoso o grupo. Era, ademais, unha comparsa enorme, e facía que o noso Carnaval se destacara pola masiva participación e a gran vistosidade. Que eu saiba, só colleitaron o primeiro premio un ano, cando un membro do xurado (que daquela eran integrantes das comparsas) lle outorgou a máxima puntuación, dándolle cero puntos ao Casino. Disque ese foi o ano no que se decidíu cambiar o sistema de votacións. De todos os xeitos hai que destacar o gran labor que leva desempeñando Concha Silva durante estes vinte anos de Carnaval. Posiblemente, sen ela, o Entroido de Fisterra non tería sido o que chegou a ser.
Outra comparsa coñecida era a da asociación de Amas de Casa, que un ano foran de pelegríns, antigo emblema do Xacobeo.
A tensión que se xeraba entre as principais comparsas de cada ano: Anchoa, Casino, JB e Rombos era mítica. En realidade, entre a de Roberto e a de Caneta podiamos atopar moitos parecidos: os diferentes modelos de disfrace para as diferentes idades, a existencia dun líder con moita personalidade, e unha gran parodia. A Anchoa destacaba, máis que nada, polas coplas e a crudeza dos seus insultos. Esta loita a tres bandas resolveríase, xa no 2000, coa aparición dunha comparsa que revolucionaría o panorama carnavalesco de Fisterra.

Carnaval espetacular
A partir do ano 1999, a ACDX Anchoa comezou a centrarse na organización da Festa Folk… na Fin do Camiño, co que os seus recursos económicos foron destinados á prioridade número un da organización. Así, a comparsa da Anchoa deixou de participar. Os Rombos entrou en paulatina decadencia, feito que se viu cando foron disfrazados de Drag queens, con moi pouca xente e sen acadar ningún premio. O Casino, pola súa banda, viu agotados os seus recursos escenográficos despois de tantos anos e, despois dunha vez que foron de cantantes de gospel e cunha actuación que moitos non dubidaron en calificar como lamentable, Roberto Traba deixou a asociación. O seu último ano, xa sen Roberto, foron de vacas tolas e non acadaron ningún galardón. Así, ao ano seguinte xa non se presentaron.


 A partires de aí, o Carnaval de Fisterra entrou nunha decadencia que tería a súa máxima espresión no ano 2006, cando só participaron dous grupos. A explicación máis lóxica era o enfriamento da vida política da vila: despois do goberno socialista de D. Ernesto, o Partido Popular comezou a obter grandes e sucesivas vitorias electorais que reduciron a tensión política. A pesares diso, figuras políticas coma Loncho ou Don Valentín, líderes históricos do PP fisterrán eran suculentos obxectivos das parodias. Coa morte do segundo, Leoncio Olveira (Loncho), teniente de alcalde, pasou a ser a diana dos dardos carnavalescos por antonomasia. Ademais, o nivel que acadou o Entroido nos noventa, facía que calquera intención de participar provocara o natural rexeitamento naqueles que querían intentalo: "imos facer o ridículo" era o que pensaban cando tanteaban a idea.
Mentres tanto, abríanse camiño dúas comparsas que renovarían completamente o Entroido fisterrán. Falo de Preghaseiros sen fronteiras e Tom Pulgar. O nome da primeira é un tanto polémico, pois pertencía a un grupo xuvenil que logo non puido empregalo. Paso a esplicalo.

Preghaseiros sen fronteiras
Despois da desintegración e/ou decadencia das grandes comparsas, a xuventude atopouse sen grupo, polo que varios mozos da vila fundaron a comparsa Preghaseiros sen fronteiras, que foron un só ano de xamaicanos. Mentres, participaba a comparsa Milenium, integrada tamén por rapaces vinculados ao Partido Popular e ao Colexio Nosa Señora do Carmen, e que logo fundarían a Asociación Xuvenil Son do Ar. Un ano adiantáronse aos outros e apuntáronse co nome Preghaseiros sen fronteiras, polo que os outros víronse na obriga de cambiar o nome polo de Gholfo do Bimbio. Así, xurdíu unha intensa rivalidade entre ambas, unha cristalización da enemizade natural entre os chavales do “Grupo escolar” e do “Colexio do Cura”. A vida de Gholfo do Bimbio foi breve pero intensa: durante dous anos loitaron con forza polos premios: primeiro de Peter Pan, cunha parodia sinxelamente xenial, e logo de xitanos folclóricos andaluces. Despois, desapareceu.
Preghaseiros, pola súa banda, comezou sendo unha comparsa bastante lamentable, sobre todo no que se refire ás parodias e coplas. Na vila dicíase que “non teñen ghrasia nincunha”, e razón non lles faltaba. Nembargantes, dende fai uns anos colleitaron varias vitorias en Fisterra e noutras vilas da bisbarra, ainda que moitos dicían que era porque o Carnaval estaba en decadencia. Así e todo, hai que recoñecer a calidade das parodias dos últimos anos, que romperon coa racha de humor nulo que levaban. Especialmente relevante foi a de fai uns anos, cando se disfrazaron de demos, e fixeron unha parodia de "El Exorcista". En determinado momento, un dos protagonistas fixo o papel de rapaza posuída, e outro rapaz que ía de cura achegouse cunha gravadora dicindo, cun ton condescendente e hipócrita: “Voy a grabar su voz, para ver en que lengua habla”. Ante isto, a rapaza berrou, cunha forza sobrehumana: “Mecaghonacona!”, o que provocou as gargalladas de toda a vila. A continuación, e xa para que moitos acabaran ríndose no chan, o que facía o papel de cura dixo: “¡Ah! ¡Es hebreo antiguo!”. Ademais disto, rinse de moitos tópicos fisterráns: o que eu chamo “cultura do Froiz”, discusións veciñais, hipocresía… así aparecen personaxes que fan de “marujas”, “criticonas” e varios tipos fisterráns que dan moito xogo á hora de escribir unha parodia.
A pesares de ser unha comparsa moi denostada, tivo forza para enfrontarse directamente á gran protagonista do Entroido na última década: O Tom Pulgar.

Tom Pulgar
A primeira ves que apareceu na zona acotada, eran unha ducia de persoas, disfrazadas de billar: tacos, bolas e xogadores. Ao ano seguinte, moita xente pasou a participar na comparsa, que elixiu coma tema os personaxes das películas de Disney. Foi un rotundo fracaso. Por iso, ao ano seguinte volvían ser un puñado de persoas, disfrazados da película "Bichos", tamén de Disney. A vitoria foi tan inesperada coma rotunda. Unha parodia xenial, unhas coreografías francamente espléndidas e unha posta en escena tremenda. Persoalmente recordo o momento no que o líder sacou unha perruca de rizos e interpretou unha peculiar versión de “Ave María” de David Bisbal, onde o estribillo foi sustituído por aquilo de “Avu-maria”. A partires dese ano, todo foron vitorias. O que chamou moito a atención foi o emprego de cancións grabadas, coa música real das cancións que querían parodiar. Iso inaugurou un novo xeito de facer actuacións no Carnaval de Fisterra.
Ao ano seguinte participaron caraterizados coma personaxes da película Moulin Rouge, é dicir, bailarinas de Can-cán. Eran xa moitos máis, e fixeron unha das atuacións máis memorables da Historia da vila e que, na miña opinión, foi a mellor parodia dos vinte anos de Entroido. Isto, por suposto, é unha opinión persoal. Sobre a zona acotada amosaron unha posta en escena impactante, amparados ademais polos espectaculares disfraces de Concha Silva. Fixeron varias cousas que nunca antes se viran: emprego de fogos de artificio e canóns de confeti, coreografías masivas e moi vistosas, sacaron ao alcalde á palestra e puxérono a ler un testo nun atril para risa xeral dos asistentes, e despregaron ao final unha serie de recursos destinados a incitar á festa e a provocar a euforia dos fisterráns. Así, para rematar, subiron aos protagonistas nunha grúa móbil e ascendéronos por riba da multitude, mentres se disparaban fogos de artificio e canóns de confeti, soaba música dance, e o líder berraba consignas festivas. Para éxtase total dos asistentes, o que dirixía a comparsa berrou, dende as alturas “Teredes un hospital, e unha piscina con paredes de cristal… Pero nunca teredes o Entroido de Fisterra!”, nun ataque directo e brutal á vila veciña de Cee. Ao ano seguinte participaron, desta volta de Carnaval de Venecia, obtendo outra rotunda vitoria.
Ante isto, moita xente tildada de “tradicionalista” por algúns, amosouse contraria a estes recursos, destinados a deslumbrar a un xurado foráneo que descoñece moitas das cousas da política e da vida de Fisterra. Por iso, o último ano que actuou os Rombos, de Asterix e Obelix, amosaron pancartas co lema “Non ao playback”. A pesares de facer unha actuación sinxela e tradicional, amparados pola gran personalidade de Caneta, e polo ainda recordado “Pitonaso!” de Obelix. Otiveron un terceiro premio que a moitos lles pareceu inxusto. Dende aquela, non volveron participar. Parece ser que no 2009 intentaron montar a comparsa, pero non conseguiron xente dabonda, mostra evidente da decadencia do noso Entroido.
O local do Tom Pulgar deixou de esistir e, polo tanto, a súa comparsa. Isto supuxo a decadencia total do Entroido, ainda que outras comparsas coma Preghaseiros ou Xaramiños, da Asociación de Mulleres da Fin da Terra, tomaron o testigo destes novos recursos escénicos, que quedaron plenamente implantados no noso Carnaval. Así o demostra o feito de que, cando a xente que soía pertencer aos Rombos participou no 2006 disfrazados de personaxes da película Shrek, co nome de O Pitón de Salomón, e dirixidos de novo por Caneta, empregaron xa gravacións.
Pola súa banda, Roberto Traba fundou unha comparsa co nome do seu novo local, A Galería, que participaría durante dous ou tres anos ao principio da década. Os disfraces non eran moi logrados (de indios, Loca academia de policía…) pero a gran vis cómica do seu líder fíxolles gañar varios galardóns de importancia. Despois duns anos sen participar, volveron no ano 2008 cos traxes de Concha Silva, conseguindo un segundo premio, e de novo no 2009 apuntáronse participando de superheroes.

Para loitar contra a crise que vivía o Entroido, o Concello incrementou a cuantía dos premios. Así, das modestas 100.000 pesetas dos noventa, pasouse a máis de mil euros no primeiro premio. Hoxe en día, os galardóns do Carnaval de Fisterra teñen a cuantía máis alta da bisbarra. Ademais, creáronse os títulos de Rei e Raíña do Entroido, para engadir interese. Unha medida tan desesperada coma polémica foi a de permitir a participación de comparsas foráneas. Concretamente, até o de agora só participaron de Dumbría. No 2007 participou por primeira vez un grupo dumbrián: Buxantes Calidade, que obtivo o terceiro premio. Deste xeito, impediuse que só participaran dúas comparsas coma no 2006. No 2008 participaron xa dúas comparsas de Dumbría: os Mexicanos, e de novo Buxantes Calidade, obtendo o cuarto e terceiro premio respetivamente. Deste xeito rompeuse a norma non escrita que facía que non participaran grupos de fora.
Ademais, no ano 2008 o Entroido tivo que facer fronte ó concurso de comparsas de Cee, que pasou do tradicional luns ao martes, quizais para intentar facer a competencia. A pesares diso, participaron xa cinco comparsas.

Xaramiños foi a triunfadora do ano 2008. Quizais ten un dos nacementos máis triunfais da historia do noso Entroido: o primeiro ano que participaron quedaron segundos, e diso pasaron xa á vitoria. Na zona acotada desprega os mesmos recursos que a desaparecida Tom Pulgar, cunha posta en escena deslumbrante, e unhas coreografías moi vistosas.
Parece que pouco a pouco o noso Carnaval se vai recuperando da crise dos últimos anos. A isto contribúen os esforzos do Concello por incrementar as cuantías dos premios e por dar axudas aos que participar. Asimesmo, a vila volta a interesarse polo Entroido, pero coido que a única maneira de que este sobreviva é volvendo a atraer á xuventude, coma nos noventa, e semella que comparsas como A Galería ou Preghaseiros estano a conseguir. Esperemos que esta celebración tan nosa dure para sempre, e que retome a calidade que deixou alá polos noventa.
Quizais ningún outro lugar coma nesta vila sería capaz de xerar unha celebración destas caraterísticas, cun carácter tan típico e especial, cun humor tan ácedo, e cunha forza tan ilimitada.
Así as cousas, é labor de todos os fisterráns o loitar para que esta festa non siga o camiño da súa decadencia, e que cos anos poidamos dicir que recobramos aquel gran Entroido que se celebraba, coma sempre, na Praza da vila alá polos noventa. Pode que o Casino ou a Anchoa non volten nunca, pero de seguro xurdirán novas xeracións de comparsas que engadirán –coma fixo con máis éxito o Tom Pulgar- o seu gran de area para que o noso Carnaval siga a evolucionar e a crecer, e a ser unha das grandes fachendas da Vila do Cristo.
Ah! E que saibades que esta é unha entrada aberta, é dicir, que é labor dos que visitades regularmente esta web o engadir máis datos, ou correxir os erros que eu cometera. Posiblemente nalgúns casos traicionoume a suxectividade, pero comprendede que en casos coma este un non pode evitar que "se lle vexa o plumeiro". Perdoade se isto é así, e se considerades que algunha comparsa máis merece ser nomeada e historiada, facédemo saber cos vosos comentarios, dádeme algún detalle máis ou corrixide o que vexades que non puxen de todo ben. Grazas a todos por adiantado.

Sen máis, e xa para rematar, só me resta dicir… Longa vida ao Entroido Fisterrán! 






No hay comentarios:

Publicar un comentario