A ermida de San Guillerme é, dentro do entorno do Cabo Fisterra, un dos xacementos de maior importancia e interés, tanto pola súa significación mitolóxica, como polo lugar no que se encrava. Situada no alto do monte do mesmo nome (aínda que cabe indicar que o monte tamén é popularmente coñecido como Monte do Cabo ou Monte das tetas, o primeiro vocábulo vén dado pola súa situación xeográfica, no Cabo Fisterra; o segundo termo dase máis ben pola propia forma que posúe o monte, xa que ten aspecto de dous seos femininos ao velo dende o lonxe) e formando parte do Promontorium Nerium, ubícase sobre os restos do Castro Nerio (A estrutura da poboación pode adiviñarse sobre o terreo se observamos os restos da fortificación e a orografía do lugar), onde algúns ubican o mítico Ara Solis.
Relacionado
cos mitos da fecundidade, e da antítese entre morte e resurrección
(algo sempre presente na mitoloxía fisterrá), o edificio primitivo
(datado no século VIII) foi derruído polos franceses. A ermida
conserva algúns dos seus muros, e elementos como a "cama de
pedra" onde os matrimonios estériles aínda acuden a concibir.
A importancia do enclave radica na historia que garda: Fogar dun
ermitán de época prerrománica (séculos VII ou VIII) cuxos rituais
ían dirixidos sempre cara a fecundidade e todo o que a rodea, é
probable que non se trate do San Guillerme canonizado pola Igrexa,
senón un anacoreta anónimo que logo sería canonizado polo pobo.
Existen diversos rumores que indican que baixo a cama de pedra
atópase o seu cadáver, mentres outros afirman que apenas estivo uns
meses naquela morada. Son datos difíciles de contrastar pola
antigüedade dos feitos e polas poucas investigacións feitas (de
momento) sobre o terreo. De calquera modo, é importante a súa
significación e porque é probable que sexa unha cristianización
dalgún ritual precristiano, quizáis relacionado co Ara Solis. Por
outra parte, cabe destacar a fermosura do entorno e as vistas que
dende alí se alcanzan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario